Saturnino Cuiñas Lois (foto antigua), TRABAZO

Este crego naceu en San Miguel de Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21 de decembro de 1897. Faleceu na súa parroquia de destino, Cesullas, outro 7 de abril, nesta ocasión de 1978. Tras cursar estudos eclesiásticos en Compostela, ordenouse na catedral de Tui, exerceu de capelán nas terras das Mariñas e en Carballo de Bergantiños, na capelanía da condesa da Torre Penela. O 10 de abril incorporouse á parroquia cabanesa de Santo Estevo de Cesullas na que botou como párroco case cincuenta anos.

Fóra do seu exemplar labor relixioso, Saturnino Cuíñas destacou dentro da cultura galega como un dos máis grandes folclorista. O seu nome figura á altura do mesmo fundador dos coros galegos, o farmacéutico pontevedrés, Perfecto Feijoo. Xa desde pequeno, grazas á súa prodixiosa memoria, ía retendo cantares e melodías populares que entregou ós arquivos musicais de coros como Cántigas da Terra e Aturuxo. Nese legado musical encóntranse as foliadas de Augasantas, Bora, Caroi, Vilaxoán, Trabazo e Corcoesto; as pandeiradas de Pontevedra, Trabazo, Carballedo, Cesullas, Ponteceso, Loureiro, Espiriña, Paraño, Cuqueiro, Fontenla, Xil de Cambados, Corcoesto, Bordel, Vilaseco e Carnota; complétano, ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Por todo ese labor, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na sesión ordinaria do 26 de abril de 1859, concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. Aínda hoxe podemos escoitar eses temas compilados por el en discos de Cántigas da Terra, Milladoiro ou Treixadura.

Pero, á parte do seu inxente traballo de compilador de melodías, Saturnino Cuíñas era un excelente músico. Tocaba á perfección todos os instrumentos tradicionais: gaita, bombo, tamboril e pandeireta. Era coñecido polo nome de “o cura gaiteiro”. Ese gusto por tocar a gaita custoulle unha tiradura de orellas por parte do arcebispo de Santiago, aínda que o asunto non pasaría a maiores.

Non obstante, o seu máis importante papel como músico foi o de converterse nun dos únicos intérpretes de zanfona de Galicia. Os dous grandes zanfonistas senlleiros do país eran dous pontevedreses: Faustino Santalices e o propio Saturnino Cuíñas.

levou o "berro seco", orixinario de Carballedo, á romaria de S. Fins de Castro