GOIAN: CONTINUEMOS CAMIÑANDO, LEVAMOS POUCAS LEGUAS;...

CONTINUEMOS CAMIÑANDO, LEVAMOS POUCAS LEGUAS;
Daqueles rituais tamén provén o entruido, nome que se lle dá ao carnaval en Goián. Esta festa moi arraigada desde antigo, a súa orixe pérdese na noite dos tempos. Meu defunto avó, o Ti Serafín, que nacera no ano 1877, xa nos contaba do entruido de cando el era rapás.
Antes da guerra civil había unha gran rivalidade entre as sociedades de Obreiros Agricultores e O Centro Goianes, para ver á cal das dúas concorrían os mellores disfraces. Durante o réxime franquista, apoiado pola igrexa, quixeron desterrar esta festa pero non foron capaces. Nos anos da posguerra, a garda civil se collía algunha persoa disfrazada dáballe unha malla, e o goberno prohibiu as festas e bailes a petición do clero.
Eran tempos das cartillas de racionamento e dos coches a gasóxeno. Despois nos anos cincuenta, volveron os bailes autorizados co nome de “Fiestas de primavera”. Na actualidade, a festa do carnaval celébrase os tres ou catro días anteriores a o mércores de Cinza, que é o comezo da coresma cristiá.
Estas festas proceden dun suposto tempo de recollemento e xexún. As súas orixes, segundo algúns historiadores, poden remontarse aos tempos do exipcios e sumerios hai uns cinco mil anos. A data en que comeza a Pascua (domingo de Ramos) calcúlase polos meses lunares (28 días) e corresponde o primeiro domingo de plenilunio despois do equinoccio da primavera (21 de Marzo).
E dicir, a Semana Santa só pode empezar, como moi cedo, o 22 de marzo e como moi tarde o 18 de abril. Por iso varía de ano a ano. E adoptouse como costume pra calcular as datas do Entruido, contar cara atrás 40 días dende o domingo de Ramos.
Ese día será mércores (Mércores de Cinza) que é o día en que empeza a Coresma.
A BULA
Naqueles tempos en que a Igrexa comezou a querer arranxar o mundo, as xentes tiñan como dieta maioritaria a carnívora, sobre de todo a de porco salgada, o que producía moitas enfermidades, sobre todo a gota e apoplexía, e morrían moi novos. Por aquelas datas xa o crego anunciaba que estaba a venda a BULA, e o que tiña cartos mercábana e a excepción do venres santo podía comer a mesma todos días, o que non tiña cartos pra mercar a bula, tampouco tiña pra comprar a carne.
Entón inventaron a coresma que son corenta días de xexún sen poder comer carne. E o motivo polo que a coresma é na primavera é debido a que as carnes matadas e salgadas no inverno comíanse en exceso nesta estación. Ou ao mellor sería porque ao clero, que gustaba de comer ben, urdiu iso todo para que tivesen un prezo máis baixo, vai ti a saber!
Por todo o dito, as xentes de aquí de Goián pois dos de fóra e mellor non falar, fártanse a comer carne, e se non que o digan as polo menos catrocentas persoas que veñen xantar o cocido gratis no martes do Entruido. Nos comezos da Igrexa, a festa máis importante era a Páscoa de Resurrección, pero a partir do Concilio de Nicea, que se celebrou o ano 325, pasou a chamarse Coresma. Durante ese tempo xexuábase e prohibíanse comer certos alimentos, principalmente carne, e só se permitía o uso do sal, pan, e auga. Inda recordo tomar unha sopa chamada “fervida” que se facía con auga, sal e un dedal de aceite ou unto.
Hai anos que era costume ao entrar a coresma lavar todo enxoval da cociña e lavalo todo moi ben para que non quedara nada de graxa neles, sobre todo as cuncas de comer o caldo que ao mellor botaban unha semana sen iren a pía de lavar (disque facían mellor o caldo). Tamén había que fregar o chan da casa con carqueixas e dar algo de cal. No día da Pascua cando viña o cura coa crus a bendicir a casa, un cura chamado Tomé tiña costume de achegarse pola cociña e destapaba as olas a ver se había caldo, pois na coresma non se podía comer. O rito da crus, que era no domingo e luns de Pascua, xunto co das taboletas e as carracas, foron dous costumes de moito arraigo que desapareceron do nosa parroquia.
Quen de nós, quen do meu tempo ou algo máis novo non recorda a Germana do Correo coa cesta no brazo recollendo os ovos por as casas e o Nelo do centro dando a crus a bicar? E os rapaces pelexándose por levar a crus, ou o pater noster (hisopo) ou tamén o caldeiriño da auga bendita.
Aínda persiste o domingo de ramos, pero non aquela competencia de a ver quen levaba o ramo de loureiro máis alto. A primeira referencia literaria do Entruido, en castelán, aparece no Libro del buen amor (s. XIV), de Juan Ruíz, arcipreste de Hita. 1330 – 1343.
A loita de dona Coresma, que vivía entre animais marítimos e fluviais (o exército de dona Coresma), e don Carnal, que vivía cos terrestres (exército de don Carnal), parodia os excesos de don Carnal fronte ás falsas virtudes de dona Coresma, unha ambiciosa e ponderada dama cristiá. Nun fragmento da obra nárrase a cousa así:
Logo o primeiro día, mércores de corbillo (Cinza)
Nas casas donde anda cesta e canastillo,
Non se deixa tallador, cazola, palangana e a louza
Pois tudo muda o limpar, seguindo a tradición
Escudillas, sartens, tinallas, caldeiras, espetos
Todo se remove, ata vaciar arcas de todo obxecto
Olas, e coberterías, barriles e todas cousas caseiras
Tudo se fai lavar a súas lavandeiras
Reparar as moradas, as paredes retocar
Darlle face nova, limpando e caiando
O ENTRUIDO
Dentro da filosofía do Entruido está a de comer e beber ata o límite. En Galicia a comida sempre foi un elemento fundamental, sendo tradicionais as filloas, a cachucha, as orellas, a androlla, os chourizos, o lacón e o caldo que son comidas ideais pra estas datas do inverno.
A excepción á abstinencia era concedido como privilexio pola Igrexa Católica Apostólica e Romana, por medio dun documento chamado “bula”. O que a podía mercar (pois había que pagala) podía comer carne. Os que non tiñan cartos pra mercar a bula tampouco tiñan pra comprar carne é xa non lles facía falta.
As festas do Entruido en Goián rematan o Mércores de Cinza ao anoitecer co enterro da taíña (ben, máis que enterro, afogamento no río). Parece ser que antigamente se enterraba un escrito coas cousas mal feitas polos rexedores dos concellos, pra que no volvesen acontecer máis. Un ano fíxose outra variante que consistiu en prenderlle fogo a un monifate de pano chamado cucufate con fogos de artificio, antes líanse unhas coplas alusivas ás cousas mal feitas ou que non fixera o concello.
Na Sociedade de Obreiros e Agricultores era tradicional o baile da piñata (o cura ás veces nomeaba as mozas que asistiran). Durante o mesmo era costume tapar unha luz cun pano vermello, e cando o facían correspondíalle as mulleres iren sacar os homes a bailar.
(No martes do entrudo estaba eu fincado na ventá da galería mirando pro camiño, cando vexo pasar un par de grupiños de xente descoñecida, cunhas vestimentas raras, e pregúntolle, quen sodes e de donde, e un contéstalle somos Senegaleses da África e fai uns días na televisión puxeron un reportaxe dos carnavais deste pobo e o que mais nos chamou a atención foi como comía aquela xente sen pagar ren, así que aquí nos tes este ano, faremos por mestúranos con os veciños e seguro que non nos van a preguntar nada pesando que son disfraces e miúda papatoria nos vamos a pegar, no lugar do ariño deixamos dúas pateras (caiucos) amarradas, e por qué, por si unha so non pode con a nosa carga na volta.)