Ofertas de luz y gas

A VILAVELLA: Como neto e fillo de emigrantes quero render con este...

Como neto e fillo de emigrantes quero render con este artigo unha sinxela e pequena homenaxe a todos aqueles galegos que por unha ou outra causa tiveron que emprender o camiño da emigración. Tamén para todos aqueles familiares que quedaron aquí alimentando a chama da esperanza e arelando o seu regreso.

Dende que existe o ser humano sobre a terra este realizou desprazamentos dun lugar a outro, xa sexa con carácter definitivo ou transitorio. Na Prehistoria, o ser humano movíase, sobre todo, segundo as necesidades alimentarias: caza, recollida de froitos, etc. Outras veces facíao presionado por grupos humanos máis fortes. A primeira das causas é marcadamente económica e a segunda de evidente matiz político, aínda que derivada da anterior.

Ó longo da historia da humanidade houbo múltiples causas " próximas " (guerras, persecucións relixiosas ou políticas, fuxidas das levas militares, pestes, etc.) que deron lugar ás migracións humanas, pero detrás de todas elas subxaceu sempre o factor económico. En consecuencia, podemos definir á emigración como o movemento de persoas que van dun lugar a outro co fin de mellorar as súas condicións de vida.

Dende o punto de vista humano, a emigración é un xeito máis de escravitude. O emigrante é escravo da súa propia miseria económica, que o bota polo mundo, e segue a súa escravitude polas condicións derivadas polas condicións derivadas da emigración (viaxe, traballo, compromisos económicos que deixa na terra, etc.) A emigración foi e é a negación do dereito máis sagrado que ten o ser humano: o dereito á vida na súa terra natal.

Á hora de falar da emigración, tal como entendemos hoxe en día, hai que sinalar un feito histórico moi significativo, xa que marcou o " punto de partida " da chamada emigración moderna, tal é o caso da Revolución Industrial, que provocou un cambio radical nos conceptos tradicionais da economía e un desenvolvemento espectacular do capital que modificaron as estructuras socio-económicas de Europa.

No caso que nos interesa, Galicia, como parte integrante do Estado español e por conseguinte de Europa, sufrirá as consecuencias que se deriven do comportamento da economía española e subsidiariamente da europea. En base a todo esto, podemos plantexarnos as seguintes preguntas: ¿Cal é a situación económica de Galicia? ¿Como é a estructura social galega desta época?. A resposta á primeirapregunta diranos que Galicia é un país eminentemente agrícola, cun sistema de cultivo arcaico, moi tradicional e supeditado á excesiva división da terra, circunstancias que dificultarán calquera tipo de modernización das técnicas e métodos de cultivo; a segunda, moi relacionada coa primeira, indícanos que a poboación galega é maioritariamente rural, polo tanto, moi dependente do sistema agrario.

Estas dúas constantes están fortemente condicionadas pola existencia dos foros que gravan a producción e son un lastre para a evolución agraria. A xente, inda que vén traballando a terra dende hai varias xeracións, non é a propietaria real da mesma, soamente o é nunha reducida porcentaxe. Trátase, pois, dunha economía de mera subsistencia que non pode satisfacer as necesidades dunha poboación en aumento.

Con este panorama, e a fin de ter unha sinxela aproximación ó tema, convén coñecer os seguintes aspectos: causas, características, fases e consecuencias que marcaron este feito histórico

O desequilibrio entre o incremento da poboación e a falta de solucións económicas adecuadas para satisfacer as necesidades básicas impulsaron o fenómeno migratorio. Así temos que a terra mal repartida, a evidente falta de traballo ou empregos con garantía, o declive da pesca, o desinterese das clases posuidoras da terra por introducir novos sistemas de cultivo e a desastrosa política agraria dos gobernos da época encargaranse de "apadriñar" a emigración.