A GUDIÑA: Nunca fun cazador. Pero sí actor nos tempos do Teatro...

Nunca fun cazador. Pero sí actor nos tempos do Teatro Matamoura do noso pobo.
Inda lembro aquela obra do Gayo Vallecano "Ahola no es de leil" que tivemos a afouteza de recrear eiquí, na serra.
Eu era un daqueles soldados das guerras de Marrocos e de Cuba. Ía armado cunha escopeta daquelas que tiñan coma proxectil un tapón de cortiza atado ao armamento cun cordel, para non perdelo ao primeiro disparo.
Vendo nestes derradeiros tempos que todo quisque presume de rifle, de escopeta de repetición e de cans de pedigrí, collín aquela vella escopeta da obra de teatro, o meu can de palleiro, o fardel coa merenda, e saín de caza ata a mallada de Lagarellos.
A medio camiño xa me pediron a licencia e mailo permiso de armas os do Seprona. Ata me quixeron incautar a escopeta, pero Guti, o meu can de palleiro, regañoulle os dentes a un deles, fuxiron de contado, e desde lonxe contentáronse con multarme por levar solto un can perigoso.
Logo atopeime cuns cazadores asturianos ben pertrechados, eses que teñen o couto en alugueiro. Pararon o seu Range Rover, e reventaron a rir de min nas miñas propias barbas. Ouvíanse as gargalladas desde o Barreño ata a Fornalla.
Cheguei para o almorzo á mallada de Lagarellos. E, sentado na porta da choza, dei conta dun bó anaco de queixo de Almendreiras cun mendrugo de rosca do Bareta e uns grolos de mencía de Ladeira da Mata, sempre coa escopeta á miña beira, que así foi como me ensinaron na Sección de Operacións Especiáis do Tercio, alá en Dajla, hai xa trinta e oito anos.
Inda andaba a limpar os fociños, cando Guti levantou unha bandada de charrelas.
Xa sei que a charrela... ou é unha especie cinexética non cazable, ou unha especie non cinexética. Xa non me lembro moi ben, inda que gracias a ela acadei o meu único "hemicisco" do parlamento autonómico. Pero non puden evitalo: os reflexos do meu aguerrido entrenamento guerrilleiro botaron mao á escopeta e disparéi o meu tapón. Nin se rompeu o cordel, nin nada; pero o can saíu como alma que leva o demoño nada máis ouvir o percutor.
Eu seguín a disfrutar dos sorbos, sen levantar o cu do chan.
Ao minuto, aparece Guti cunha perdiz roxa nos fociños!
--Carallo! Pero si o bando era de charrelas!
O can deixoume a perdiz, e volveu marchar axiña. Ao ratiño volveu cunha charrela, e posouna ao meu carón.
--Vaia! Pois seguro que eran charrelas, pero ía misturada con elas algunha roxa.
Dúas pezas dun tiro! Isto é cazar, e sen me levantar do penedo...
Pasado un intre, alá voltou o can cunha lebre, deixándoa suavemente ao lado das perdices, e acezando marchou outra vez.
--Me cago no mundo! Esta sí que é boa! Se as lebres non voan...! Seguramente, ao caer unha das perdices, furoulle o cerebelo co bico.
Entón apareceu de novo o meu ben adestrado can de palleiro, e desta vez trouxo na boca, con sumo coidado, unha bota, mediada, cun letreiro: "Asturias, paraíso natural". Que groliños de sidra botei antes daquela marabillosa sesta sobre o lameiro!

(Gracias a Amalladadacimapolapaladosalbar deiros. com)


Llama al 654 409 325, ofertas especiales para Pueblos de España