LUBIAN: CONTO DO ALCALDE DE LUBIÁN...

CONTO DO ALCALDE DE LUBIÁN
Daquela inda non chegara a TV ó noso concello. Andaran uns navarros cunha antena cravada no cimo dun pao de piñeiro levantado preto da Escarramana. Pero aquelo máis parecía unha buraca chea de chispas que un televisor.
A radio inda hoxe non se escoita ben, pero naqueles tempos non che había outra cousa, e botaban aquelas radionovelas por episodios diarios...
-- ¡"Matilde, Perico y Periquín"! "Matilde Conesa, Pedro Pablo Ayuso..."
As amas de casa daqueles tempos (que daquela decíase "sus labores") eran unhas mulleres que levaban a casa, muxían as vacas, apañaban as coíñas, os repolos, os nabos e as remolachas pra os porcos, esparexían a herba, apalleiraban os prados, iban coa res, facían as comidas, os chourizos e os botelos, remendaban a roupa, facían escarpins e abrigos de lá, tosqueaban as ovellas, cocían a caldeirada pra os porcos, lavaban a roupa e ata pechaban a porta pola noite desde que os homes levaban un rato a dormir. Aquelas mulleres inda achaban un intre ó empardecer pra subírense ó escano e pegar a orella no aparello de radio, escoitando aquelas noveliñas que as transportaban a outros mundos lonxe da realidade.
No luscofusco, as mulleres esperaban a res pra apartar do magote as cabras e ovellas de cada veciño, cada quen pra súa corte.
--O demo leve. Hoxe está a tardar a res. Verás tu si cando veña, non pasou xa a novela.
--Ai, que bonita é! Mira que o episodio de onte...!
Todas opinaban. Pero a muller do alcalde tiña que disimular, porque o lacazán do seu home inda non fora capaz de levar a casa unha radio, e poder así disfrutar desas lerias tan fermosas das que falaban todas esperando pola res.
-- Eres un conainas. --decíalle ó voltar á casa-- Todo un señor alcalde, e non eres quen de ter arradio, que xa o ten no pobo ata o último arricanxo. Lapaverzas, lambecricas!
Un día veu o crego, e convidou ó señor alcalde pra iren a Braganza a botar os dous xuntiños unha cana ó aire. E alá foron no oitocentos cincuenta do cura, un todo ensotanado, desde o pescozo ata os pés; o outro, co seu mellor traxe (o da voda, que casara ía uns trinta anos). Comeron coma curas no Tulipa d'Ouro, e despois do café e dun tróspiro de caña, saíron a daren un paseo polas rúas da cidade.
E o alcalde, fronte a un escaparate de radios, plantouse coma un can perdigueiro que barrunta unha peza.
--Qué miras? --preguntou o padre.
--Miro os arradios, que están a mitade de precio que en España.
--E pra que queres tu unha radio?
--É pra muller, que lle gusta moito. --E contoulle as liortas que viñan tendo polas radionovelas das que falaban todas as mulleres, sen que a súa poidera intervir sen medo a mete-la pata.
--Tu verás, --dixo o crego-- o peor é que cho limpen os gardiñas na fronteira, en Calabor.
--Bueno, home... Se vostede mo esconde debaixo da sotana, ó irmos pra alá, ben salvadiño vai.
--Ben: eu esconder, escóndocho debaixo da sotana. Pero se me preguntan, como sacerdote non podo mentir, porque sería coma un sacrilexio. Que quede ben claro.
--De acordo --aceptou o noso alcalde.
Chegados a Calabor no oitocentos cincuenta, o meu crego co aparello entre as pernas, debaixo da negra sotana, de inmediato botoulles o alto un garda civil.
O señor cura doulle ó manubrio pra baixa-la xaneliña.
-- ¡A sus órdenes, padre! --cuadrouse o militar-- ¿Algo que declarar?
O crego comezou a remexerse, e dixo coleando:
--De la cintura para arriba, nada que declarar.
--Vaya por Dios, padre. ¿Y de la cintura para abajo?
--Vaya por Dios, hijo; si me haces la pregunta de manera tan concreta tengo que responderte que llevo aquí un aparato --e acenou para a entreperna.
-- ¡Ése, para su santa madre, padre! --berrou o garda botando fogo por tódolos buracos do corpo.
--Hombre, no. Para mi madre, no, Dios la tenga en la gloria. No es para mi madre, no. Es para la mujer aquí del señor alcalde, que le gusta mucho.
Respuestas ya existentes para el anterior mensaje:
Mira que foi ben sincero o señor crego.
O mei querido pai DEP (fai precisamente hoxe xa 6 anos que nos deixou) foi albañil, e pola sua profesion recorreu mutos pobos nos seus anos novos, que despois viviu hasta xubilacion fora. E contabanos sempre historias do que pasaba polo contorno. Bueno, a veracidade delas eu non podo comprobala.
Esta histora sempre a recordo, non sei en que pobo foi, ben pudo ser Lubian o millor, onde vivía o tio Serna e a sua muller Sara mais o fillo do que non me acorda ... (ver texto completo)