BARXA: Eu son pescador de troitas, inda que cada vez menos....

Eu son pescador de troitas, inda que cada vez menos.
E como pescador, son moitas as tardes que teño pasado en Barxa. Inda existía aquela pasarela de grosos arames cun piso quizáis de bidóns recortados, que viña a ser unha temeridade pasala, alí preto dun muiño, onde sai a auga por un buraco que fixeron para desviar o río.
Aquela tarde deixara o meu Horizon diesel na estrada, por non baixar polo camiño, que andaba un pouco estragado polas choivas.
Ao chegar onde se xuntan os ríos do Tameirón e o de Pentes, deume por coller o de Pentes, e cheguei río arriba deica uha construcción de pedra, coma unha torre, no fondo dun prado, que me pareceu algo adicado en seu día á minería, xa que no cimo do mesmo prado hai unha cámara de carga tamén de cantería, e tal vez se trataría dun lavadeiro para o mineral, ou unha trituradora impulsada pola enerxía da auga.
Farteime a coller troitas naquel regueiro. Pero só tres medían máis de dezanove centímetros, que era a medida en Lubián. Así é que devolvín ao río máis dunha ducia delas, con todo o xeitiño, para que seguiran medrando. Inda así, farto de devolvelas, ademáis das tres que levaba no mingacho, alá iban agarbadas outras sete ou oito das móres, pero que non chegaban á medida, nos petos interiores do meu chaleco.
Cando dei avistado o coche, xa vin a parella da garda civil en posición de espera, e non puden desfacerme daquelas pequenas, porque xa vin que me tiñan controlado dabondo.
Así é que cheguéi ben empertegado, casi en posición de "firmes", dei as boas tardes, e abrín o maleteiro onde botei mingacho e chaleco.
-- ¿Me permite la licencia de pesca? --díxome con moita educación un deles.
Mirouna do dereito e do revés. Logo pediume o DNI, e mandaoume abri-lo mingacho.
-- ¿Y para tres truchas viene usted desde Lubián, con el río que tienen allí? --falou con acento galego de película española.
--Os luns alí non se pode pescar --razonei-- E o Tuela sempre está cheo de galegos.
--Claro. Y allí sólo se pueden coger seis truchas, y además de diecinueve centímetros, mientras que aquí se pueden coger de diecisiete centímetros.
Tentoume o demo sacar as do chaleco e decirlle a aquel garda: "Carallo, daquela levo máis, que inda hai eiquí outras sete ou oito...", pero a miña prudencia case sempre pode máis co demo.
Non as saquei. O que fixen foi pechar canto antes aquel maleteiro co chaleco dentro. Logo díxome que o denunciara na Tuíza o sarxento de Lubián quince días antes por levar máis troitas da conta en Castela e León, a pesares de ser garda civil e alegar o descoñecimento daquela norma distinta.
Ao chegar á casa, medinas, e a máis pequena daquelas once troitiñas tíñache dezaoito.
Hai xa tempo que non vou a Barxa. Un día destes, agora que teño vacacións e sabendo que agora a medida dalí sonche dezanove, por si se dera outra vez o caso.


Llama al 654 409 325, ofertas especiales para Pueblos de España