OFERTA LUZ: 5 Cts/kWh

A VILAVELLA: Andan contando por aí que, hai xa uns trinta anos,...

Andan contando por aí que, hai xa uns trinta anos, un veciño meu recibiu a visita dun amigo de Castrelos, xa polo luscofusco, que ía de camiño a pé para súa casa.
O veciño convidouno a cear, pero dixo a muller:
--Eu só fixen cea para dous.
--Onde comen dous, comen tres --sentenciou o patrón.
E así foi. Repartiron as dúas cuncas de caldo requentado en tres, cunha cacetada máis de augua quente, unha codia de centeo, e cea feita.
Ao acabaren de cear, o de Castrelos quería porse en camiño, pero no mesmo intre xa lle-lo sacou da cachola o meu veciño:
--Diso, nin falar. Non podes irte agora, de noite pecha, por eses camiños... Pode sairte o lobo, podes estordegar un pé, pode pasarche calquer cousa má. Ca, non te vas, tí quedas eiquí a dormir, na casa dun amigo. Faltaría máis!
Daquela falou a muller:
--Só temos un leito...
--Onde durmen dous, durmen tres, qué carallo!
E así foi. Deitaron os tres na cama de matrimonio. A muller no medio, e un home por cada lado.
Xa pola mañá, ao levantárense, o patrón deulle os bós días ao convidado, cando a muller andaba a remexer na cociña para quecer o almorzo.
--Descansaches? Dormiches ben?
--Descansei, sí...
--Non pareces moi convencido.
--O certo é que sí descansei, pero non peguei ollo en toda a noite. Mira: a túa muller colleume a cousa nada máis deitarnos, e non ma soltou ata que se foi a prende-lo lume.
--A miringalla?
--Sí, sí,... a cousa esa... Eu lamento...
--Non lamentes nada, ho, que quen te agarrou polo carallo, nada máis deitarmos, foi esta mesma man que tés dediante dos fociños. Carallo!