LUBIAN: Nos anos sesenta éramos moitos os rapaces labregos...

Nos anos sesenta éramos moitos os rapaces labregos en Lubián. Como non había televisión, os pais ían cedo para a cama e facían fillos á esgalla. Aquelas eran familias numerosas, e non as de agora.
Tamén había vacas a fartar: trescentas na vacada da serra, cen na veceira que se levaba ao campo, máis as parellas de mansas para o traballo e as becerras que inda eran pequenas para botalas para a serra.
Moitos rapaces labregos, cando se ceibaba unha faceira de rastrollo no acordo, íamos coas becerras e algunha vaca parida cada día para esa faceira. Éranche ben divertidas aquelas xuntanzas: o birlo, a billarda, a "brinco la buena mula",...
Pero aquel día que andábamos polo Abesedo e Raña Lobos decidimos leva-las vacas ata Vila Real para bañarnos no río e, se se terciaba, coller algunhas troitas a man.
Metimos as vacas nuns prados cerrados, sen permiso dos donos, para non ter que buscalas despois, e alá fomos á frescura das augas en pelota brava, deixando a roupa na borda.
Pouco a pouco, metendo as mans debaixo das pedras, unha troita eiquí, outra máis arriba, fomos alonxándonos das chirucas, calzas e demáis idumentaria.
Ao voltar cos garabitos ben cargados, a nosa roupa estaba no carallo. Pola Sapeira andaban a rirse de nós aquelas graciosas mociñas que nos fixeran a troulada de fuxir faceira arriba con todos aqueles trapiños e alparagatas.
Eu daquela collín a servilleta da merenda, púxena de taparrabos e, encaramado no meu xumento, presenteime daquela guisa en casa. Coas vacas de diante, pero sen calzado e sen pantalóns nin camisa.
Aquela servilleta levaba moitos anos envolvendo a codia de centeo, a tallada de touciño e algunha freba ou chourizo de cando en vez. O que nunca chegara a envolver fora un mondongo coma o desa tarde.
Pasaban cousas como aquelas.


Llama al 654 409 325, ofertas especiales para Pueblos de España