LUBIAN: Esta casa foi a primeira escola na que entrei ao cumplir...

Esta casa foi a primeira escola na que entrei ao cumplir os seis anos. Once de febreiro de 1.958.
Lémbrome da cartilla aquela de "amo a mi mamá", a pizarra e mailo pizarrín tapando aquel pupitre que tiña un gran letreiro feito a navalla (porque non paso a creer que algúns rapazolos levaran formón e martelo á escola): NICANOR.
E que esgarrios botabamos ás veces naquela louxa con marco para borrar...!
Tamén quedei pasmado do sitio que ocupaba un compañeiro que fora á escola dous anos antes ca min: unha mesiña nun curruncho, e ollando para a parede que tiña diante dos fociños.
Aquel rapaz ía por libre. Abría o seu maletín de madeira cando lle parecía, sacaba a navalla, unha codia de pan de centeo e unha tallada de touciño... Entón era cando o mestre, mirando para el somentes de esgallo, decíanos a todos:
--Señores: es el taco de las once. Que a usted le aproveche bien.
E seguía a darnos clase aos outros trinta ou cuarenta que sentabamos ollando para a mesa do mestre, que tiña detrás unha parede cun encerado, e un crucifixo escoltado polas beiras por un retrato dun homiño con bigotiño e cun gorro que tiña unha bolra que case lle tapaba un ollo, e do outro lado daquela cruz outro home con garabata e repeinado para atrás.
Inda me lembro.