LUBIAN: Ó mesmo tempo que os primeiros moradores de Lubián...

Ó mesmo tempo que os primeiros moradores de Lubián levantaban barreiras, trazaban camiños e colmaban con xestas as súas casas, Adolfo Fernández, prantou o castañeiro que nos vindeiros anos axudaría o sustento da súa familia. Naquela nutrida terra virxe medrou moi á presa e ó cabo de dous outonos xa dou as súas primeiras castañas xanotas. Os anos caeron por lustros, decenas e centos, mais nin un solo novembro deixou de axudar ao sustento da familia co seu froito.

Non houbo xeadas, ventos nin crudos invernos que o pararan, medrou, medrou… e medrou tanto, que de cada galla saíu un cano, que se fixo tan grande que asemellaban ser árbores prantados sobre o mesmo árbore, así chegou a facerse ó maxestuoso castañeiro que hoxe coñecemos. A ben seguro que dos seus empertegados lampos se amadeiraron casas, pallaregas e cortes.

Na posguerra dou unha aportación moi apreciada para quitar as fames, a máis de dar o último empurrón á ceba dos porcos.

A mediados dos 60 do pasado século, xa chegando a vello, ó pé del levantouse a escola e con ela chegou a algarabía das novas xeneracións que levaron un sopro de alegría e ganas de vivir ó vello castañeiro. Prestou a mesa da súa torada para que os rapaces ergueran por sobre dela as súas chozas, doule chupóns para na primavera coa saiba alta facer as gaitas, paláns, birlos, billardas…., facilitou o escondite nos seus xogos e foi testigo dos primeiros amoríos. En directo viviu o crecemento de ata tres xeneracións preto da escola.

Despois de un moi largo e lúgubre inverno chegou a democracia, e con ela novos veciños; primeiro a casa do axuntamento, mais logo o cuartel, o centro de saúde e dende vai un tempo, con tristura tamén se despide dos veciños que nos deixan.

Impresionante impertérrito e maxestuoso, O CASTAÑEIRO.