OFERTA LUZ: 5 Cts/kWh

LUBIAN: A xustiza neste caso exerceu unha presión estéril....

Cando chegou don Miguel a Lubián, facía máis cartos o capador ca o veterinario.
O Paulino tocaba o chiflo, e saíamos todos os rapaces pensando que era o afiador, por aquelo do seu artiluxio a pedais; pero o capador non era do noso interés, sempre enriba da porca.
Daquela saíu un novo decreto vedando a actividade dos capadores en favor dos veterinarios. E don Miguel non facía vida do Paulino, porque toda a xente valoraba máis a experiencia do de Pentes ca os estudios do veterinario.
E tanto se fartou, que foi e denunciou ó capador no Xulgado de la Villa.
Velaí o día do xuizo: no banco dos acusados, Paulino, retorcendo a boina entre as mans, cos ollos espetados nas táboas encarunchadas do piso. E alá na mesa da presidencia, un malencarado xuíz, coa súa toga e a súa perruca de trenza, sinalando co dedo ó Paulino mentras lle facía a seguinte pregunta:
-- Diga o seu nome en voz alta.
-- Paulino de Pentes --contestou mirando de esguello para o xuíz.
-- Profesión?
-- Capador, para servirle a Dios y a usted!
Entón o xuíz remexeuse na súa cadeira de brazos, botando as dúas mans nun acto reflexo á petrina, apretando unha perna contra a outra, e dixo:
-- Esperemos, señor capador, que ni Dios ni yo tengamos necesidad de sus servicios.

A xustiza neste caso exerceu unha presión estéril. Despois pasou o que pasou, saíron capadores de tódalas casas e foi a perdición de moitos cabritos e porcos.